seguimos-avanzando-proyecto-deporte-gallego

Seguimos avanzando: Rexistro de usuarios, locucións, resumos de partidos, …

Seguimos a dar pasos para ter a plataforma completamente operativa.

Dende a semana do 10/11, activamos o rexistro para ver os partidos, e nestas dúas semanas, sen facer ningunha comunicación máis que a vós, contamos con máis de 2.000 usuarios rexistrados. Parécenos un dato moi ilusionante.

Outro paso que demos esta fin de semana foi comezar xa a facer probas de locución de partidos.

Aquí podedes ver un exemplo, FS Pontedeume – Grupo Forma-T Vilalba FS B.

Neste caso, fixémolo nós de forma remota, pero podédelo facer calquera de vós, ben dende o campo ou ben dende a casa. Calquera persoa interesada en facelo, por favor, que se poña en contacto connosco, e explicámosvos como facelo.

Por outra banda, ademais dos partidos en directo ou en diferido, todas as semanas estamos a subir á plataforma os resumos dos partidos. Polo de agora, son resumos cos goles e algunha xogada adicional que seleccionamos, pero gustaríanos que os propios clubs destacásedes as xogadas dos vosos partidos.

Se nos enviades as mellores xogadas, lanzamentos, pases, ocasións, paradas, etc., engadímolas aos resumos ou creamos seccións específicas para xogadas. É un escaparate moi interesante para os vosos clubs e xogadores.

Ademais diso, esta semana incluímos a funcionalidade de Chromecast. Que é Chromecast para os que non estades moi familiarizados con esta tecnoloxía?

É a posibilidade de ver na televisión un contido que se está reproducindo dende o móbil. É dicir, reproducimos no móbil o partido que desexemos ver e ese mesmo partido podemos velo na tele.

Cremos que o deporte hai que velo en pantalla grande e estamos a traballar en ter aplicacións propias para televisión, pero mentres tanto, con Chromecast, podemos enviar o contido dende un móbil á televisión e ver os partidos comodamente.

Por último, queremos darvos as grazas por toda a axuda que nos estades a prestar. Sabemos que aínda faltades algúns de vós por emitir pola falta de fibra ou de permisos por parte dos concellos. Seguimos insistindo en ambos frontes para tentar incorporarvos a todos á plataforma.

Encantaríanos tamén saber a vosa experiencia nestas primeiras semanas coa plataforma e todas as cousas que notastes ou comentarios que recibistes para seguir mellorando o servizo que vos ofrecemos. Podedes enviarnos dende o formulario de contacto as opinións que consideredes.

Mais novas